A Limia rendeu homenaxe a don Ramón Otero Pedrayo no Ano Oteriano 2026

Homenaxe a Otero Pedrayo no Museo da Limia e o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela / Dende a Limia, Miguel Alonso Diz e Concello de Sandiás
O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, e o Museo da Limia, en Vilar de Santos, celebraron os días 5 e 12 de setembro senllos actos en lembranza do Patriarca das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo, dende perspectivas complementarias. Os actos de homenaxe, neste Ano Oteriano (50 aniversario do seu pasamento), levaron o título de “A Limia e a Lagoa de Antela no imaxinario literario e paisaxístico de don Ramón Otero Pedrayo”.
En Vilar de Santos, no Museo Etnográfico da Limia, tivo lugar a primeira xuntanza, o sábado día 5 de setembro, ás 11.30 da mañá, na que, tras a presentación do presidente do Padroado do Museo da Limia, Delfín Caseiro, interviron o escritor e crítico Paco López-Barxas, quen presentou o libro “Ramón Otero Pedrayo, arredor de si”; Patricia Arias Chachero, profesora e secretaria da Fundación Otero Pedrayo, quen disertou sobre os vencellos entre D. Ramón e a Limia, con detalles moi curiosos; e Xosé Carlos Sierra Rodríguez, ex-director do Museo Etnográfico de Ribadavia, que falou da sensibilidade etnográfica de don Ramón Otero Pedrayo.
En Sandiás, o sábado día 12 de setembro ás 19.00 horas do serán, o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela ía a ser o lugar de acollida da segunda quenda de intervencións pero a gran afluencia de público, superando o aforo da «Casa da Lagoa», fixo necesario que se trasladasen ao Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello (situada en fronte do Centro de Interpretación). O acto contou coa participación de D. Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela, centrada no tema “Otero Pedrayo e a paisaxe”, cunha conferencia de altura, densa e moi rica en matices sobre a paisaxe galega e da Limia. Acto seguido, interviu o escritor e divulgador Xosé Benito Reza, ex- Xefe de Medio Ambiente Natural en Ourense e Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, que non se resistiu a rememorar con paixón os seus tempos nun proxecto moi querido de rehabilitación das Areeiras da Limia; e tamén fixo desfrutar ao público coa espléndida narrativa dun texto imaxinario de dous soldados romanos de camiño pola Via Nova XVIII, dende Bracara Augusta e o seu paso pola comarca da Limia e Sandiás. Pechou o acto Xosé Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, cunha sintética e emotiva biografía e periplo da vida de don Ramón; e María José Bravo Bosch presentando o documental da súa autoría “Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe”, amosando a condición do homenaxeado como xeógrafo e apaixoado da paisaxe galega. Ao final, os participantes desfrutaron duns petiscos e un amplo tempo de convivencia e intercambios.
Ámbolos actos contaron cunha gran participación de público (máis dunha trintena de persoas en Vilar de Santos e preto de setenta en Sandiás). Os asistentes puideron achegarse á riqueza natural, histórica e cultural da comarca da Limia da man do legado de Ramón Otero Pedrayo, o gran escritor, xeógrafo e intelectual ourensán que converteu este territorio nunha das súas fontes de inspiración.

A Furgoteca Ourense Occicental tamén estivo presente no acto de Sandiás. A súa responsable, Remedios Cid, cunha escolma de obras de Otero Pedrayo / Centro de Interpretación da Lagoa de Antela
Para saber máis
A ollada literaria de Don Ramón Otero Pedrayo á Limia e á Lagoa de Antela, en Dende A Limia

