Constitución de la plataforma «Auga Limpa Xa!» (A Limia, Baixa Limia, Celanova y Monterrei)
COMUNICADO OFICIAL
Nace a plataforma Auga limpa xa!
Veciñas e veciños das comarcas da Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei vimos de constituir a plataforma Auga limpa xa! preocupadas pola grave contaminación dos nosos acuíferos, provocada polas macro-granxas e pola deficiente xestión dos residuos que xeran.
A contaminación da auga en cifras
En só tres anos aumentou nun 39% a concentración de nitratos nas masas de auga subterránea da chaira da Limia.
Hai veciñas e veciños que están consumindo auga non potable dos seus pozos porque descoñecen que superan os 50 miligramos de nitratos por litro. Actualmente na Unión Europea o nivel máximo permitido é de 50 mg./l., sendo 25 mg./l. o valor guía. As analíticas da Confederación Hidrográfica do Miño – Sil chegaron a rexistrar ata 174 mg./l. (agosto de 2017, preto do canal da Lagoa de Antela, en Vilariño das Poldras). O mesmo organismo de cunca recoñeceu que a orixe deste problema está nos residuos gandeiros.
Como consecuencia, tamén o encoro das Conchas sofre. Verán tras verán as augas non son aptas para o baño ao estar contaminadas polo nitróxeno e o fósforo que río Limia abaixo chegan á presa, proliferando unha insalubre cantidade de cianobacterias, que tinguen a auga de verde, desprenden un fedor forte e envelenan a flora e fauna fluviais.
Os datos da gandeiría intensiva
As granxas de polos, porcos e tenreiros suman na chaira da Limia 75.000 UGM (unidades de gandeiría maior). Esta producción gandeira intensiva supón unha carga equivalente á que provocarían 1.400.000 habitantes, sería o mesmo que ter a metade da poboación de toda Galicia en só o 1% do territorio galego.
A galinácea, os xurros e o esterco que xeran as 400 macro-granxas que hai na Limia convértena nunha das zonas de Europa con máis concentración gandeira. Estanse a ciscar sen control polas parcelas e montes unha boa parte destes residuos, non soamente na chaira limiá, tamén nas comarcas veciñas de Monterrei, Celanova e a Baixa Limia.
Na procura de solucións
A plataforma Auga limpa xa! chama a todos os actores implicados para buscar xuntas solucións a este grave problema. Demandamos medidas que garantan o acceso dunha auga de calidade. Por urxentes destacamos unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións que xa están en funcionamento.
Defendemos unha gandeiría vinculada á terra produtiva e aos coidados do territorio, baseda en criterios de sostibilidade para xerar alto valor engadido e ter prezos xustos para as produtoras e produtores destas comarcas. Soamente así poderemos habitar unha terra limpa e saudable, con dignidade económica, viva.
A Limia, 28 de xaneiro de 2019
Plataforma Auga limpa xa!