Trandeiras: 500 anos e uns días
Cumpríronse neste pasado mes de Nadal os cincocentos anos redondos desde que os primeiros franciscanos viñeran a ocupar o convento do Bon Xesús de Trandeiras, só tres anos despois de terse comezado as obras de tan singular edificio. A efeméride tería sido unha excelente oportunidade para reivindicar a importancia da mellor representación da arquitectura histórica da Limia, e unha das máis dignas manifestacións dese momento artístico de transición entre o Gótico e o Renacemento que tan profusamente floreou en Portugal e tan escasos exemplos deixou en Galicia.
Unha vez máis semella que inxustamente nos avergoñásemos do noso monumento, e digo noso porque non esquezamos que agás a igrexa, son propiedade do Concello de Xinzo tanto o resto de edificios como a finca que o rodea con importante valor natural pola recuperación arbórea dende unha sucesión ecolóxica as veces mal xestionada e un maxistral aproveitamento da auga; se cadra amólanos que siga entre a ducia de inmobles que na provincia de Ourense forman parte da “Lista vermella de Hispania Nostra” a prestixiosa institución que ten por finalidade a defensa do patrimonio cultural e natural, e inclúe nesa relación aos que están en moi grave perigo.
Iniciouse no 1520, non sen controversia, mercé ao labor de mecenas de Alonso de Piña, prior de Xunqueira, pasada xa a época de esplendor dos grandes mosteiros galegos, e tres décadas despois o Licenciado Molina refírese en verso á súa modestia:
Un monasterio no grande ni altivo,
cercado de aguas, que es mar en invierno,
es Buen Jesú, edificio moderno,
fue hecho en milagro, por esso lo escrivo.»
Incendiouse o día de Nadal de 1669, arruinouse unha parte en 1685, serviu para recluír ao bispo de Blois entre 1804 e 1808, os soldados franceses causaron moitos estragos e mataron a sete frades na invasión de 1809. O día de San Brais de 1813 incendiouse novamente, e no 1821 volveu ser unha especie de cárcere para relixiosos onde estivo o cóengo J.M.Bedoya que se refería a Trandeiras como “el más desierto, destruido e incómodo de toda la provincia, que parece buscado a propósito para mortificarme”.
Coa desamortización de Mendizábal en 1836 pasou a mans do estado e posteriormente foi propiedade privada deteriorándose progresivamente mesmo coa ameaza de desmontar e trasladar o claustro, ata que en 1990 foi adquirido polo concello de Xinzo.
Pasaron dende aquela máis de tres décadas sen que se lle atopase encadre axeitado e coa intención de frear o avance da ruína estanse realizando neste momento obras financiadas principalmente pola Confederación Hidrográfica Miño- Sil, nas que a escavación arqueolóxica aportou gratas sorpresas.
Contarédesme se ese historial de malandanzas non xustifica a linguaxe case carceraria do título do artigo.
Varias asociacións ligadas á cultura limiá, o Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia, o Grupo de Estudios Históricos Pedro González de Ulloa, a Sociedade Galega de Historia Natural e o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela non querían deixar pasar a efeméride, organizando unha serie de actos nos que participarán entre outros o historiador Alexander de los Ríos que ven de traballar no informe para a declaración de Ben de Interese Cultural do conxunto, e o arqueólogo responsable das recentes escavacións Celso Rodríguez Cao.
O primeiro acto conmemorativo, aberto ao público, será o xoves 4 de de xaneiro de 2024 no Café Cultural «Ítaca» de Xinzo (Rúa Otero Pedrayo, n.º5); ten por obxecto a conformación dunha proposta que, cara ao mes de marzo, nos sirva para profundizar na nosa historia e divulgar, tanto a arquitectura do Mosteiro como a presenza da orde franciscana na nosa comarca. O historiador Alexander de los Ríos situaranos na historia e daranos conta dos novos achados en Trandeiras.
Fonte: Manuel Seoane Feijoo, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia