Premio Pedra Alta 2024 para Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro), historiador limiao
A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia, a proposta do seu Consello Asesor, na xuntanza do sábado 19 de outubro, á que asistiron máis de 20 membros, acordou concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2024, na súa VII edición ao historiador limiao Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro).
Na persoa de Miro, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe aos eruditos locais que, mercé ao seu esforzo e teimosía, tanto levan contribuído ao coñecemento da historia que nos é máis próxima.
Méritos
Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo de Limia, 1946), nomeado Fillo Predilecto de Xinzo de Limia no ano 2022, é merecente do Pedra Alta en base aos seguintes méritos:
No ano 2006, Edelmiro obtén o título de Graduado Universitario Sénior pola Universidade de Vigo no Campus de Ourense. Desde entón, acomete un intenso e fecundo traballo de investigación e difusión centrado na memoria máis próxima das terras da Limia, un campo case ermo antes del. Ese mesmo ano, aparece o seu primeiro libro, «A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925)». Dous anos máis tarde ve a luz a monumental «Historia e memoria. A Limia:1931-1953».
O labor pescudador e divulgador de Edemiro Martínez non cesa, indagando mesmo en períodos máis afastados: «Julián Toubes (1796-1870). O correxedor que quixo desecar a lagoa» (2009); «Historia de Xinzo de Limia» (2012) e «Xinzo de Limia na memoria» (2016).
Tres das súas obras abordan a traxectoria de manifestacións lúdico-culturais do territorio: «Antela Fútbol Club. Centenario 1919-2019» (2019); «O Entroido en Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento» (2021) e «Historia Musical de Xinzo de Limia» (2021).
Tamén colabora con varias revistas (Lethes, Raigame, A Palloza, Lúa Nova; etc.) e con diversos xornais (Nós Diario, La Región e Dende A Limia).
Edelmiro Martínez Cerredelo ilumina cos seus traballos e co seu saber distintas épocas da historia da chaira limiá que dormían no silencio e no esquecemento, espléndido agasallo para a veciñanza que se pode reconciliar agora co seu pasado e fai memoria de persoas e acontecementos que propiciaron A Limia de hoxe.
Acto de entrega do galardón
A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (contribución altruísta do escultor Xosé Lois Carreira), acompañada dun diploma acreditativo, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia (Vilar de Santos) o vindeiro sábado día 9 de novembro. Como vén sendo habitual, o acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada festiva concluirá cun xantar (un cocido limiao), custeado polos asistentes que o desexen.

Xuntanza do Consello Asesor do Padroado do Museo da Limia (19/10/2024)