A arracada de Vilar de Santos, unha espectacular xoia de ourivería castrexa e emblema municipal
No ano 1924, na paraxe de Vilar de Santos coñecida como Albariño, ao pé da lagoa de Antela (A Limia, Ourense), trinta e poucos anos antes da súa desecación, cando Benito Saburido cavaba un foxo de dous metros de fondo para desaugar unha leira, atopou unha valiosísima xoia bimilenaria: a Arracada de Vilar de Santos. Este singular pendente é “unha das mostras máis sobranceiras da produción da ourivaría castrexa”, segundo o seu principal investigador Bieito Pérez Outeiriño.
A primeira investigación sobre esta Arracada debémoslla a don Florentino López Cuevillas, pioneiro da Arqueoloxía científica en Galicia e membro do grupo Nós. Foi publicada no 1927 (tres anos despois da descuberta), cando o posuidor da alfaia era o párroco de Vilar de Santos D. Marcelino Freiría.
No ano 1979, Freiría vendeulla ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (que xa a intentara mercar cando aparecera no ano 1924), pasando a formar parte da súa colección.
Características da peza
Trátase dunha peza de ouro que mide 8,4 centímetros de largo por uns case 5 de ancho máximo e pesa 18 gramos. A súa datación sitúase entre o séculos III e II a. C.
A composición fundamental da arracada é de unha lámina superior case totalmente circular (en forma de lúa crecente)e outra inferior triangular. O ouro está traballado con con variadas técnicas ornamentais, algunhas delas moi complexas: laminado, levantado, repuxado, glóbulos, fíos… Sobre elas aparecen tamén motivos decorativos castrexos: cinco campánulas e triángulos recheos de gránulos. Pero o que lle dá máis orixinalidade á peza é a presencia de figuras de aves, pois aparecen na parte central do círculo (dúas cabezas de aves ou unha ave bicéfala) e no extremo do triángulo, sobre unha das campánulas. Esta última semella un fermoso patiño, traballado con gran detalle e de bulto redondo (tres dimensións); do seu pico colga outro pequeno triángulo formado por 11 gránulos.
Dúas argolas na parte superior denotan a existencia dun sistema para colgar a arracada sobre a orella, a modo de pendente pero sen necesidade de perforar o lóbulo auricular.
Interpretación simbólica
O seu principal investigador, Bieito Pérez Outeiriño, aprecia un gran significado simbólico nas aves acuáticas representadas na peza, que nos estarían falando dun culto solar. Pola contra, o crecente luar que dá forma á parte superior da arracada interprétao como unha representación antagónica á anterior.
Emblema de Vilar de Santos
Francisco Fariña Busto, ex-director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, creou o escudo de Vilar de Santos no ano 1988 cunha representación desta arracada ao lado dunha cruz de Santiago, orde á que pertencía este antigo couto.
Conmemoración do centenario da descuberta
O Museo Arqueolóxico de Ourense (que custodia a arracada), o Museo da Limia e o Concello de Vilar de Santos celebran o centenario da aparición desta inigualábel alfaia.
O Museo da Limia conta nos seus fondos cunha copia da arracada pero os vindeiros días 20 e 21 (venres e sábado) do presente mes, dende as 11 até as 18 horas, a xoia orixinal castrexa estará exposta ao público no Museo da Limia.
Ás 18 horas do día 20 (venres), no salón multiusos da casa consistorial, terá lugar un acto presentado por Xosé Carlos Sierra Rodríguez (ex director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, membro do Consello Asesor do Museo da Limia), ao que vai asistir César Llana Rodríguez (director do Museo Arqueolóxico de Ourense) e no que van intervir Bieito Pérez Outeiriño (Presidente do Grupo Marcelo Macías, investigador sobre a ourivería prehistórica), para impartir a conferencia titulada “A arracada de Vilar de Santos no centenario da súa descuberta (1924-2024)” e Francisco Fariña Busto (ex-director do Museo Arqueolóxico de Ourense, creador do escudo de Vilar de Santos) que ha de falar de “A arracada como identidade”.
Alén disto, o pasado día 2 de setembro, a Xunta Directiva do Museo da Limia decidiu crear a distinción denominada Arracada de Honra, consistente na réplica da peza castrexa, da que han ser merecentes aquelas persoas ou institucións que teñan feito achegas substanciais nos campos da Etnografía e Arqueoloxía da comarca. Neste sentido, váiselle facer entrega da primeira Arracada de Honra á familia de Benito Saburido (descubridor da xoia de Vilar de Santos), representada na persoa da súa neta Josefa Saburido Traveso.
Para saber máis
LÓPEZ CUEVILLAS, Florentino, «Una nueva arracada posthallstáttica» «, en Boletín de la Comisión de
Monumentos de Orense, Vol. XII, Ourense, 1927, pp. 141 a 148.
PÉREZ OUTEIRIÑO, Benito, «A arracada de Vilar de Santos. A forma e o simbolismo», en LETHES. Cadernos Culturais do Limia, n.º 14, Ourense, 2019, pp. 158 a 171.
PÉREZ OUTEIRIÑO, Benito, De ourivesaría castrexa. I. Arracadas. Boletín Auriense, Anexo 1,
Ourense, 1982, pp. 85-89.