Premio Pedra Alta 2026 para Noemí Vázquez Nogueiras, da Arca da Noe

Noemi Vázquez Nogueiras nos Cadernos da Limia/ Blas González (2019)
O Padroado do Museo da Limia acordou, na súa reunión do 30 de outubro de 2026, conceder o IX Premio Pedra Alta a Noemí Vázquez Nogueiras (Piñeira de Arcos, Sandiás, 1982), responsable de A Arca da Noe, en recoñecemento ao seu compromiso coa dinamización cultural do rural.
Desde hai máis dunha década, Noemí desenvolve en Vilar de Santos un proxecto que converteu A Arca da Noe nun espazo de encontro arredor da música, da cultura e da comunidade; trátase do único local galego con tres premios Martín Códax da música á mellor sala de concertos de Galicia, e recentemente tamén obtivo un premio Osíxeno da asociación ecoloxista Adega.
Acto de entrega do Premio Pedra Alta 2026
A entrega do premio celebrarase o sábado 28 de novembro de 2026, ás 12:00 horas, no Salón Multiusos da Casa do Concello de Vilar de Santos.
O premio é unha réplica en granito da Pedra Alta, un menhir na antiga Lagoa de Antela, elaborada por Xosé Lois Carreira; e un diploma acreditativo.
O acto será aberto ao público e contará con música.

Premio Pedra Alta 2026 – Noemí Vázquez Nogueiras / Museo da Limia
Xantar de confraternidade
Tras a entrega do premio, celebrarase un xantar de confraternidade no Restaurante Novaiño, en Sandiás, ás 14:00 horas.
Os prezos dos menús serán os seguintes:
- Cocido: 35 €.
- Menú infantil: 15 €.
Para asistir ao xantar é necesario inscribirse previamente e realizar o pagamento mediante transferencia bancaria.
Datos para o pagamento:
- Entidade: Banco Santander.
- Titular: CULTURAL PADROADO DO MUSEO ETNOLÓXICO DA LIMIA.
- IBAN: ES56 0049 4936 1021 1619 0327.
No concepto da transferencia deberán indicarse os nomes e apelidos das persoas que asistirán ao xantar.
O Concello de Vilar de Santos convida a toda a veciñanza a participar neste acto de recoñecemento ao traballo e á implicación de Noemí Vázquez Nogueiras coa vida cultural dese municipio.
Vídeo: As Xingras da Arca, «Semente de Revolución», en Oceanoe: Travessía polo mar das Antelas / A Arca da Noe

