Romaría Raigame 2022. Homenaxe á antiga medicina rural
O Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación Provincial de Ourense, abren o prazo de inscrición para poder participar na edición 2022 da Romaría Etnográfica Raigame, que se viña celebrando anualmente o día 17 de maio en Vilanova dos Infantes.
Despois de dous anos de obrigado silencio, nada máis que con sinxelas propostas de participación a través das redes sociais, este ano que agardamos de remate definitivo da pandemia, queremos volver darlle á romaría Raigame o valor que a mesma ten no ámbito da celebración singular do día da Cultura Galega e no marco xeral da conmemoración do Día das Letras Galegas.
Dada a incidencia que durante estes últimos dous anos exerceu a pandemia de Covid-19 en tódolos aspectos sociais, culturais, económicos e fundamentalmente sanitarios do noso día a día, e a importancia que con ilo recobrou a atención sanitaria nas nosas vidas, tendo en conta que cada ano vaise poñendo o foco nun determinado oficio tradicional, o evento deste ano estará centrado no que poderiamos denominar a vella “medicina rural” (aquela na que a atención sanitaria era fundamentalmente ambulante ou a domicilio) que se perde na noite dos tempos e que se mantivo así ata practicamente a chegada da democracia.
O papel dos médicos rurais, que todos temos asociados no imaxinario colectivo á figura duns humanistas que cruzaban os camiños e congostras a cabalo para consultaren ós seus pacientes a domicilio, unido ó das admiradas “matronas” que tanta vida axudaron a traer ó mundo en condicións sanitarias moi precarias xunto co resto de persoal sanitario que ó longo do tempo se foi incorporando á sanidade, serán os que centren as homenaxes desta edición, así como a exposición que tamén se adoita organizar anualmente con tal motivo.
Esta edición contará con 70 postos de artesáns de: alimentación, bisutería, bolillos, cesteiría, oleiría, ferreiría, cantería, luthiers, zoqueiros, xoguetes de madeira…
Tamén haberá actuacións de danza, pandereiras, música, teatro, contacontos, cantares de cego, proxeccións de documentais antropolóxicos e etnográficos no «Cine Carlos Velo», monicreques, demostracións de traballos con animais de tracción e arreios,…
Por último, retomaranse os concursos de fotografía, investigación etnográfica e microvideos.
Máis información na páxina oficial da Romaría Raigame: raigame.gal
Fonte: Concello de Celanova