Romaría Etnográfica Raigame 2025. Homenaxe á poesía popular oral e as cantareiras
Como cada 17 de maio, o burgo medieval de Vilanova dos Infantes acolle a celebración máis importante do Día das Letras Galegas en Galicia: a Romaría Etnográfica Raigame, organizada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo (da Deputación de Ourense) e o Concello de Celanova. Este ano, a Romaría estará adicada especialmente a homenaxear á poesía popular oral, personificada nas cantareiras.
A edición número 22 arrancará ás 11:00 horas, coa apertura de docenas de postos de artesanía tradicional galega, e as actuacións simultáneas de «Rebulir» de Ramirás, a Escola de Danza da Deputación de Ourense, os grupos de música tradicional dos Concellos de Celanova e A Veiga e as pandereteiras «Celavella» de Celanova nas diferentes prazas de Vilanova dos Infantes.
Ó longo da xornada poderase acceder a demostracións didácticas e obradoiros de canteiros, tecedeiras, ferreiros, costureira, carpinteiros, reposteiras, zoqueiras e xogos tradicionais.
A Banda de Música de Vilanova dos Infantes ofrecerá un concerto-sesión vermú ás 13:00 horas. E ás 13:30 horas, terá lugar o acto oficial de entrega do premio honorífico Adolfo Enríquez ás Cantareiras da provincia de Ourense, personificadas nas de Avión e Beariz. O acto rematará cunha exhibición dos Danzantes de Vilanova en honor á Virxe do Cristal.

Cartel da Romaria Raigame 2025 / Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo Concello de Celanova
O Cine Carlos Velo, ofrecerá documentais dende ás 11:00 nun local da Praza Maior, e tamén acollerá a actuación da contacontos Inma Soto ás 12:00 e 17:00 horas.
Tamén haberá exposicións sobre as cantareiras e a poesía popular oral, os canteiros (Asociación «Vixiamos no Tempo») e sobre razas gandeiras autóctonas (Asociación Can de Palleiro).
As rúas de Vilanova contarán con espectáculos de animación a cargo de «O Cego de Matamá e a lazarilla Aldariña de Candeán», «Cé Orquestra Pantasma» e «As Sandarilleras».
A Praza do Castelo acollerá a representación teatral histórica «Romasanta», de Comando Infarto, ás 12:30, 17:00 e 18:00 horas.
Os máis pequenos tamén poderán disfrutar na Praza da Torre do espectáculo de monicreques «Os Monifates», ás 11:30, 16:30 e 18:00 horas.
Haberá un servizo de transporte en autobús Celanova-Vilanova cada media hora, de 11 a 14:30 horas e das 16:30 ás 20:00 h., con saída dende a Praza Maior de Celanova.
Máis información en raigame.gal