Concerto do grupo folk céltico TOR na Torre do Castro (Sandiás)
O Concello de Sandiás organiza unha noite con música en directo ao carón da Torre do Castro co concerto do grupo TOR (Folk céltico da Galiza), o venres 18 de agosto ás 21:00 horas.
Neste privilexiado lugar, TOR interpretará os seus temas, cunha liña melódica guiada principalmente por instrumentos da tradición galega como a gaita, a frauta de madeira, ou o acordeón diatónico e un estilo propio de comarcas como A Limia, entre outras. A parte máis armónica complétana instrumentos como o bouzouqui e o contrabaixo, conformando un son acústico, auténticamente «vintage»; como os clásicos do folk celta.
Potentes sets de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, sucédense con outros temas máis pausados como alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, desenvolvendo un amplo abano de sonoridades e ambientes.
Compoñentes
Félix Castro (anglo concertina, acordeón diatónico, gaita galega en Si bemol, toque pechado) e Castor Castro (frauta madeira, bouzouqui) fundaron o grupo de folk asturiano Felpeyu en 1991, xunto con Igor Medio e Ruma Barbero. Membros da Aula de Música Tradicional Gomes Mouro de Ourense, do quinteto tradicional Os Lubicáns, e de Sólidos Galicianos, colaboradores habituais nos proxectos musicais de Pancho Alvarez. Investigan a frauta de madeira e o acordeón diatónico en Galicia así como o toque pechado na gaita, xeito antigo de tocar, e a recuperación da memoria e repertorio dos gaiteiros e músicos ourensáns, principalmente Faustino Santalices. Teñen colaborado en vinte discos e recopilatorios nacionais e internacionais. Entre as súas publicacións máis destacadas atópanse o «Catálogo de músicos da Limia. Música tradicional», o libro-cd «Os sons da Limia», a exposición e cátalogo «Faustino Santalices. Tradición musical galega» e o congreso e actividades posteriores. Son colaboradores do proxecto Ronsel de recuperación do patrimonio inmaterial galego e do programa europeo Oralities, e foron asesores musicais do programa Alalá da TVG. TOR supón para eles o regreso ás súas raigames musicais no folk, despois de dúas décadas dedicados maiormente á investigación musical.
Xosé Liz ((bouzouqui, guitarra acústica, mandolina) é un músico de recoñecido prestixio nacional e internacional no ámbito do folk galego e da Celtic Music. A súa traxectoria está avalada por máis de trinta producións discográficas cos mellores artistas galegos (Cristina Pato, Susana Seivane, Rodrigo Romaní…) e a súa habitual presencia nos mellores escenarios destas músicas (Festival Intercéltico de L’orient, Celtic Connections, Piping Live, Vall D’aOsta, Scottish Weekend…).
Álvaro Iglesias (contrabaixo) formou parte de bandas coma Tres, Carlos Núñez, Pancho Alvarez, Faltriqueira, ou o gaiteiro Anxo Lorenzo, participando con todos eles ao longo de xa máis de vinte anos de carreira en numerosos festivais do máis alto nivel internacional, coma o Cambrigde Folk Festival, Rock in Rio, Womad, Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Celtic Connections, Festival Intercéltico de L’orient, William Kennedy Piping Festival, Celtica, Gooikoorts, etc.
A entrada ó concerto é gratuita.
Habilitarase un aparcadoiro amplo para vehículos ao que se accederá dende a pista que vai de Santa Ana ao Castro.
Fontes: Concello de Sandiás e «TOR Folk Céltico da Galiza»
1 respuesta
[…] Deixar unha resposta Concerto do grupo folk céltico TOR na Torre do Castro (Sandiás) […]