Exposición Cadernos da Limia, de Blas González e amigos, en Sandiás
O vindeiro 18 de novembro terá lugar a inauguración da exposición dos Cadernos da Limia, do fotógrafo Blas González, na Casa da Cultura do Concello de Sandiás, visitable ata o 14 de xaneiro de 2024.
Unha exposición fotográfica ten que ser algo vivo, capaz de xerar movemento e discurso máis alá das paredes onde se exhiben as obras. Ten que saír ao encontro do espectador, explorar outras posibilidades e conexións con outros proxectos e realidades, enriquecerse a través de procesos de activación. Fálase do catálogo como un dos dispositivos capaces de estender e prolongar o alcance da exposición, e esta exposición é o seu, deseñado con esa intención.
Pero o programa tamén inclúe outras actividades que se celebrarán durante os case dous meses que dure a mostra. Unha vez máis, a dispoñibilidade e xenerosidade de tantos bos amigos fixeron posible ofrecer esta serie de actividades. Non son un complemento da exposición… Son parte da exposición!
Programa
- Sábado, 18 de novembro (18:00 horas): Acto de inauguración que presentará Pepe Gándara, concelleiro de Cultura de Sandiás, artífice e mediador para facer realidade esta exposición, ao que Blas González respostará coa lectura «Paisaxe, Identidade e Memoria», na que reflexiona sobre algunhas das claves dos Cadernos e o seu significado. Visita á sala de exposición e presentación do catálogo que se obsequiará aos visitantes. Rematará a inauguración compartindo un ágape.
- Sábado, 25 de novembro (11:00 h.): Encontros na Lagoa Ausente, é unha xornada compartida onde se recibirán aos visitantes da exposición pola mañá, faremos un percorrido polos lugares máis emblemáticos do concello e almorzaremos xuntos. Pola tarde, Nancy Blanco nos guiará polas Areeiras de Sandiás, para que poidades coñecer o corazón da Limia que aínda palpita con intensidade neste lugar. Coordina as reservas desta actividade Luz Nocelo Villamarín (no teléfono 660871979).
- Venres, 1 de decembro (19:00 h.): Desde hai uns meses, o Espazo Cultural Ágora Sonia Trigo organiza o Taller de Lectura/Escritura «A Letra Fala», que coordina Rosa Trujillo. Estará aberto a todos aqueles que queiran participar de forma activa ou como espectadores.
- Sábado, 16 de decembro (19:00 h.): Os Cadernos da Limia non serían posibles sen a colaboración de algunhas persoas, que orientaron a Blas nos seus primeiros -e titubeantes- pasos pola Limia. Unha destas persoas é o historiador Miro Martínez Cerredelo, que ademais de contar no seu haber con varias publicacións sobre distintos aspectos históricos da comarca, recopila desde hai anos vellas fotografías relacionadas coa Limia e as historias detrás de cada imaxe. Esta vocación por preservar as imaxes e o seu relato é a que animará a súa presentación dese tarde de decembro.
- Sábado, 13 de xaneiro
- 12:00 h. Presentación de Antela Editorial, un proxecto de Xabier Domínguez, Alba De Evan e Miguel A. Alonso Diz. Unha feliz conxunción de talento creativo que nace baixo o topónimo da Lagoa e que reivindica a riqueza do patrimonio natural e cultural da comarca en clave de literatura infantil.
- 19:00 h. Clausura da exposición e broche final que estará animado polo espectáculo de danza contemporánea «As Tres Torres da Limia» da artista con vínculos limianos Ariana Pirela Sánchez, con cuxo retrato, precisamente, se pechan as páxinas dos Cadernos da Limia.
Fonte: Concello de Sandiás