Premio Pedra Alta 2023 para dona Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño
A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), a proposta do seu Consello Asesor, na xunzanza celebrada o sábado, día 21 de outubro, acorda concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2023, na súa VI edición, a dona Amalia Gómez Manso (Santa Ana, Sandiás, 1927), fundadora do restaurante «Novaíño».
A reunión extraordinaria do Consello Asesor do Museo da Limia tivo como un dos puntos da orde do día a elección da entidade, asociación ou persoa física que considera merecedora da concesión do premio anual Pedra Alta na súa 6ª edición.
Na persoa de dona Amalia, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe a todas as mulleres, que tanto contribuíron ao desenvolvemento desta comarca.
Hai arredor de 60 anos, dona Amalia Gómez Manso foi quen de transformar unha taberna de aldea, situada ao pé da N-525, en Novaíño (Piñeira de Arcos), nun dos restaurantes máis emblemáticos da comarca da Limia, que hoxe rexenta a terceira xeración familiar, representada nos seus netos Toño e Ana, acompañados pola súa nai Pepita, despois da xubilación do fillo, Antonio.
Cómpre salientar a aposta decidida e continuada pola cociña tradicional galega e polos produtos autóctonos, nun lugar de parada necesaria, de encontro e acollida, onde poderiamos contar cos dedos das mans os limiaos que non pasaron nalgunha ocasión polo restaurante «Novaíño», para xantar ou participar nalgún banquete familiar ou de amigos. Sería difícil atopar un camioneiro, un viaxeiro de paso que, tendo que circular pola N-525 ao seu paso pola Limia, non parase algunha vez no restaurante da nosa homenaxeada co Pedra Alta de 2023.
«Con esta elección queremos render homenaxe a nosas avoas e ás nosas nais, ás mulleres que se enfrontaron á adversidade na nosa Limia, unha obriga do Museo da Limia que non debía demorar máis.»
Outros recoñecementos
Non é a primeira vez que Amalia recolle un premio pois tamén foi galardoada polo Concello de Lalín co recoñecemento «Toda unha vida» nos Premios de Gastronomía de Galicia do ano 2007.
Acto de entrega
O premio entregarase o vindeiro sábado 25 de novembro en Vilar de Santos. Nesa data haberá varias actividades:
- 11:15 horas, visita ao Museo da Limia.
- 12:00 horas, acto de entrega do premio no salón multiusos da casa do Concello, e entrega dos carnés de amigos do museo ás persoas que, dun xeito altruísta, colaboran todos os anos co padroado. Este ano serán para os músicos Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón, o artesán Dino Coello e o encargado da laudatio, Sergio Pazos.
- 14:30 horas, xantar-cocido «Pedra Alta» no restaurante Novaíño (Piñeira de Arcos, Sandiás).
Fonte: Museo da Limia