O Museo da Limia celebrará o centenario do nacemento do poeta Antón Tovar
O día 26 de outubro deste ano cúmprese 100 anos do nacemento do poeta limiao Antón Tovar Bobillo na «casa grande e farturenta» da Pereira (Rairiz de Veiga). Magnífica ocasión para promover a difusión e o coñecemento da súa obra e para tributarlle a homenaxe pública da que é merecente o escritor.
A súa poesía e os seus diarios teñen sido definidos como a manifestación da autenticidade e da intimidade existencial. As vivencias no territorio natal, que tanto amou, celebración da vida, impregnan boa parte das súas creacións e convértense en cálido agarimo contra a friaxe da existencia. O creador da Pereira decide facer da fermosa lingua campesiña, patria da infancia, a súa expresión poética. No fascinante poemario Calados esconxuros (1980), Tovar fai unha fervorosa defensa da lingua que o identifica.
Para significar os seus importantes méritos literarios, Antón Tovar resulta elixido Académico de Honra da Real Academia Galega o día 15 de marzo de 1997.
O académico Alonso Montero, amigo e infatigábel valedor de Tovar, ten suliñado en moitas ocasións que o poeta é unha das grandes voces poéticas da Galicia da segunda metade do século XX. Mais logo acrecenta: “Pero o escritor Antonio Tovar está moi lonxe de contar co recoñecemento a que ten dereito.”
Programación especial no Museo da Limia
Para conmemorar o centenario do nacemento do escritor, o Museo da Limia (Vilar de Santos) vai promover no territorio limiao unha serie de iniciativas encamiñadas a difundir e potenciar a obra tovariana e a coordinar unha campaña que demande á Real Academia Galega a concesión do Día das Letras Galegas 2022 ao poeta da Pereira, instando a participación das institucións públicas, dos centros educativos e das asociacións culturais da zona:
- Difusión nas redes. En colaboración con Xeitura S. Coop. Galega, co CEIP Carlos Cid Arregui e coa Biblioteca Pública Antón Tovar de Rairiz de Veiga, acométese a primeira acción do centenario, como se fose un cartaz audiovisual. Varios escolares do colexio do concello recitarán fragmentos da obra de Tovar, que serán gravados en vídeo e difundidos nas redes sociais.
- Conferencia. Análise e valoración da obra de Antón Tovar por parte dun dos seus estudosos máis cualificados.
- Mesa redonda. Debate sobre a poesía de Tovar, coa participación de analistas significados.
- Recitais. Recital dunha escolma de textos da súa obra publicada, na voz dos escolares. E recital dunha escolma de textos inéditos do autor, na voz de veciños e veciñas do territorio.
- Evocacións de autores da Biblioteca da Limia. Autores da Biblioteca da Limia elaborarán textos evocadores do poeta e da súa obra para seren publicados na web do museo, como argumentario para reivindicar a dedicación do Día das Letras Galegas 2022.
- Interpretacións musicais. Actuación de intérpretes que puxeron música a poemas do autor
- Exposición. En colaboración con diversas entidades, exposición de libros, manuscritos, fotos e obxectos relacionados co autor e a súa creación.
Fonte: Padroado do Museo da Limia
1 respuesta
[…] Museo da Limia vén promovendo desde o ano 2021, centenario do nacemento de Antón Tovar, unha serie de iniciativas encamiñadas a difundir a obra tovariana e a demandar a dedicación do […]