A Memoria de Celanova, da man do Goberno de Asturias na investigación dunha fosa común no cemiterio de Celanova
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova colaborará co Goberno de Asturias, a través da Dirección General de Emigración y Memoria Democrática, departamento que dirixe Begoña Serrano, na investigación ao respecto dunha fosa común localizada no cemiterio parroquial da vila na que poderían atoparse os restos de sete asturianos, fusilados en setembro de 1939 por unha unidade militar falanxista contra a tapia do camposanto.
Memoria Histórica da Comarca de Celanova fixo este anuncio na presentación pública na vila do «Informe nº 1: Monumento do Outeiro da Obra. Fin dun legado imposto», que se desenvolveu no Refectorio do claustro barroco, un espazo que o colectivo reivindica como lugar de memoria dado que foi o primeiro cárcere habilitado polos sublevados contra a República no verán do 36.
Na fosa, que o Comité vén documentando desde hai uns meses con pescudas en arquivos civís e militares, poderían estar os restos de Baldomero Vigil-Escalera Vallejo (pintor de 19 anos); Marcelino Fernández García (mecánico, de 21); Guillermo de Diego Álvarez (chofer, de 25); Alfonso Moreno Gayol (chofer, de 26); Abelardo Suárez del Busto (albanel, de 28); Belarmino Álvarez García (mineiro, de 29) e Mariano Blanco González (litógrafo, de 36). Son os sete veciños de Xixón apresados pola armada sublevada cando fuxían en barcos despois da caída da fronte de Asturias no outono de 1937.
Os sete foron sometidos a consellos de guerra en Camposancos (A Guarda) en 1938 e condenados a pena de morte. A comezos do ano seguinte foron trasladados a Celanova. E as súas execucións tiveron lugar o día 22 de setembro de 1939 a cargo da Bandera de Marruecos, a mesma unidade que mes e medio antes tiña levantado o símbolo franquista que o Comité rexistrou no seu Informe nº1.
Agora, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova porá toda a documentación sobre estas vítimas da barbarie fascista a disposición do Instituto de la Memoria Democrática de Asturias, integrado naquela dirección xeral.
HOMENAXE NO CEMITERIO
Despois do acto no Refectorio, a directiva do Comité e asistentes á presentación visitaron o lugar no que foron soterrados os sete asturianos e depositaron un ramo de flores en lembranza das vítimas. A fosa quedou así simbolicamente sinalizada, nun primeiro paso para a recuperación da memoria daqueles sete republicanos e, con eles, doutras vítimas do terror fascista no cárcere de Celanova, polo que pasaron unhas 6.000 persoas represaliadas entre 1936 e 1943.
A CAMPAÑA POLA ELIMINACIÓN DA SIMBOLOXÍA FALANXISTA
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova volveu poñer sobre a mesa a súa demanda de eliminación do monumento falanxista do Outeiro da Obra e reclamou o cumprimento da lei estatal de memoria que contempla a retirada desta simboloxía.
O Comité subliñou que o carácter do monumento como elemento de exaltación do golpe de Estado do 36, da guerra e da represión franquista está perfectamente documentado no Informe nº1 que ningunha autoridade académica, civil nin eclesiástica discutiu até hoxe; e que para facer valer a lei e as recomendacións das Nacións Unidas, non hai outra solución que a retirada do símbolo, unha competencia que habitualmente asumen os concellos, mais no caso de Celanova aínda non se levou adiante pola negativa da maioría da corporación.
O Comité abriu unha nova vía para que as institucións democráticas do Reino de España atendan a demanda de cumprimento da lei en Celanova cunha reunión a principios de maio co Subdelegado do Goberno en Ourense, quen se comprometeu a estudar o informe e, se fose preciso, elevalo á Secretaría de Estado de Memoria Democrática, dependente do Ministerio de Presidencia.
O Comité dá por fechada a vía política na corporación de Celanova, dada a oposición do PP (6 concelleiros) e do partido que sostén ao alcalde, Celanova Decide (4 concelleiros), que encargou un contra-informe para poñer en dúbida as conclusións da investigación do Comité, mais non o fixo público nin o trasladou a este Comité.
A DIRECTIVA E A RESTAURACIÓN DO MEMORIAL DO FURRIOLO
A directiva do Comité está encabezada por Celia Inés Feijoo Soto, en calidade de presidenta; Hixinio Araúxo, secretario; Pablo Sánchez, tesoureiro; e Dores García e Nuria Rodríguez, como vogais. O Comité está formado por un colectivo de 30 persoas e a súa primeira misión que se propuxeron foi a restauración do Memorial do Furriolo, obra de Xosé Vizoso.
A restauración non se puido levar adiante a finais do 2020 como estaba previsto, a causa duns problemas de saúde do autor. Os traballos realizáronse no verán de 2021 dando continuidade así ao labor do colectivo Arraianos, o verdadeiro impulsor da recuperación da memoria histórica en Celanova e na súa comarca desde principios deste século.
HOMENAXE ÁS FAMILIAS DOS ASTURIANOS FUSILADOS
O próximo 4 de xuño, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova celebrará o seu primeiro acto público de 2022. As familias de dous dos republicanos asturianos fusilados por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos a mañá do 22 de setembro de 1939 e soterrados nunha fosa no cemiterio de Celanova visitarán a vila, serán recibidos pola corporación municipal e participarán nunha xornada de conferencias sobre a memoria do campo de concentración de Camposancos e sobre o programa estatal de exhumación de fosas da guerra civil, que intervirá este ano nesa fosa de Celanova sinalada polo Comité.
Fernando Serrulla, médico forense do equipo Histagra, visitou hai uns meses ás familias de Abelardo Suárez e Marcelino Fernández en Xixón para obter mostras de ADN que poidan servir para contrastar cos resto que puidesen atoparse.
Serrulla, xunto co arqueólogo Fran Alonso, ofrecerá o día 4 en Celanova unha conferencia sobre o programa de exhumacións, os traballos que desenvolveu o seu equipo durante 2021 e os previstos para a campaña deste ano, entre os que se inclúe a intervención en Celanova.
As conferencias comezarán ás 17:00 horas no salón de actos do Instituto Celso Emilio Ferreiro, coa presentación de «A porta do inferno», a cargo de José Antonio Uris, co-autor xunto a Víctor Santidrián, dun ensaio publicado este ano que dá conta da historia do campo de concentración de Camposancos (A Guarda), onde foron encamiñados miles de presos asturianos despois da caída de Xixón no outono de 1937. Alí foron xulgados e condenados a morte os sete homes que acabarían sendo executados e soterrados no cemiterio celanovés.
Cuando era niña viví por esta zona, en los años 50. Mi padre era Guardia Civil. Después ya fui siempre una niña y persona de capital. Pero en mi mente ese es mi paraíso perdido. Tengo 72 años y no pienso morirme sin volver.
Gracias por todas estas noticias.