Romaría Etnográfica Raigame 2024. Homenaxe á repostería tradicional
Os doces e a repostería tradicional son o tema central da Romaría Etnográfica Raigame 2024 que se celebrará o 17 de maio en Vilanova dos Infantes (Celanova). Á tradicional demostración e venda de artesanía e postos de gastronomía, engadirase nesta edición a representación de artesáns dedicados á elaboración de doces chegados dende as vilas de Celanova, Allariz, Ribadavia e Laza con bicas, bolos, amendoados, rosquillas… Haberá mostras, degustación, obradoiros e concursos gastronómicos de doces.
Ademais, outros postos participantes habituais na Romaría complementarán a oferta con chocolates, marmeladas, meles e demais lambetadas. E o premio “Adolfo Enríquez” será entregado na Praza Maior ás 13:30 horas á señora Concepción Fernández, irmá de Virginia e María, quen dende os anos trinta e durante máis de sesenta anos venderon doces en Celanova.
Unha vez máis, Vilanova será o centro da cultura e as tradicións no día das Letras Galegas
Outra novidade é a que nos trae a asociación “ViaxaMos no Tempo”, que despois do seu éxito na edición do ano pasado, organizará visitas comentadas por Vilanova para dar a coñecer e poñer en valor da súa arquitectura e o traballo dos artesáns que a crearon, os canteiros.
Unha vez máis, Vilanova será o centro da cultura e as tradicións no día das Letras Galegas, unha celebración que cada ano que pasa ten máis participantes o que fai desta festa un referente na nosa Terra.
Concurso de doces e montado de claras
Un concurso de tartas, que se celebrará ás 16:00 horas na praza da Torre. Nel poderá participar todo aquel que o desexe aportando un doce que será valorado pola súa presentación, o seu sabor e dificultade de elaboración. O segundo concurso realizarase a continuación no mesmo lugar, e consistirá nunha competición de montado de claras pasando pola separación tres claras do ovo, o seu batido a man e o engadido do azucre até conseguir merengue. O material necesario será aportado pola organización.
Os concursantes deberán inscribirse previamente no posto de información, de 11:00 a 14:00 horas, cun límite de 15 participantes para cada un deles, e levar as tartas ás 16:00 á praza da Torre para a súa exposición e degustación polo xurado.
Obradoiros de artesanía para os máis pequenos
Nesta edicion programáronse diferentes actividades para que os nenos (tamén poden participar os non tan nenos) elaboren coas súas maos aquelo que tanto lles chama a atención.
Ao carón da Torre, onde están os artesáns dedicados aos doces, ao longo do día poderáse amasar rosquillas, facer bicas e amendoados. Tamén se realizará un obradoido de montado de claras.
A Asociación “ViaxaMos no Tempo”, que está na estrada de Celanova e realiza actividades relacionadas coa cantería, ademais de programar visitas guiadas por Vilanova, ofrece aos participantes a posibilidade de usar maza e cincel para traballar na pedra, comprobando así a dureza deste oficio.
O obradoiro de confección de traxes tradicionais, Lumecú de Vilar de Santos, que estará na rúa Vila, ofrece a posibilidade de elaborar o vestuario para bonecas, adaptando os patróns que trae preparados e que só hai que cortar e coser.
Teatro e contacontos
A compañía “Xanela do Maxín” celebra o día das Letras Galegas na Romaría Etnográfica Raigame coa súa obra “De Castro a Villalta” que se presentará en catro sesións, dúas á mañá (ás 11:30 horas e ás 12:30 h.) e dúas á tarde (ás 16:30 e 17:30 horas), no “Cine Carlos Velo”, na praza Maior de Vilanova. Este espectáculo pretende poñer en valor o legado de seis mulleres excepcionais homenaxeadas nas Letras Galegas, dende Rosalía de Castro a Luísa Villalta, mulleres que deixaron unha pegada imborrable na literatura e no teatro galegos e que destacaron pola súa creatividade, compromiso e contribución á nosa rica cultura.
O lavadoiro de Vilanova será o escenario onde Inma Soto, educadora ambiental e contadora de contos, nos achegará a través da narración de historias ao noso patrimonio natural e cultural. Na Romaría Etnográfica Raigame tráenos o seu espectáculo “Botamos un conto”, un espazo creado para viaxar a través da palabra, percorrer novos camiños e chegar a lugares onde posiblemente nunca estivemos; é beber de diferentes culturas para regresar á nosa, sabedoras agora da herdanza que nos identifica. Actuará ás 11:30 horas, ás 13:00, ás 17:00 e ás 18:00.
Animación de rúa
Diversas agrupacións de danza e música tradicional actuarán ó longo desta xornada festiva: Banda de música de Vilanova dos Infantes, Grupo «Rebulir» de Ramirás, Escola de Danza da Deputación de Ourense, Asociación «Os Chouteiros» de Maceda e «Santiago da Rabeda» de Taboadela, Grupo de Danza «Solpor» de Celanova, Asociación Meigas e Trasgos de Sarria, Grupo de Gaitas e Danzas o Irixo, Rancho Folclórico de Orgens (Portugal), Asociación «Susairas» de Chantada, C.P.I. S. Tomé de Carballo, Grupo de Baile «Lemavos» de Monforte, Rancho folclórico de Ovar (Portugal), Escola de Danza Castro Floxo, Asociación «A Pinguela» de Manzaneda, Agupación, «De Pé Feito», Panderetiras «O Forrolo», «Aturuxos do Miño», «As Bruxas» do Casino Antelano (Xinzo), pandereteiras «Celavella» de Celanova, Grupo de gaitas «Feitizo de Pao», Coral «De Ruada»…
Unha novidade nesta edición será a participación dos “Bolechas”, o fenómeno infantil que con máis de vinte anos de existencia segue cautivando aos máis pequenos. As súas publicacións sempre está relacionada coa transmisión do patrimonio e a lingua galega. «Os Bolechas» percorrerán as rúas da vila e estarán con todos aqueles que se queiran achegar á praza do Castelo (ás 16:30 h. e 17:30 h.) e á praza Tralacerca (17:00 h. e 18:00 horas).
E algo que non falta na Romaría Raigame é a presenza de “Cé Orquestra Pantasma”, o home orquestra, que animará as rúas de Vilanova e fará pases especiais no lavadeiro. A súa música e o seu bo humor garanten a diversión e que a festa non perda ritmo en todo o día. Detrás deste personaxe está César Freire, músico autodidacta apaixoado dos instrumentos, o que o levou a crear a súa figura chea de todo tipo de úteis para facer música.
De igual modo, o Cego de Matamá e a lazarilla Aldariña de Candeán contarannos vellas historias de sucedidos do máis curioso. Luis Correa “O Caruncho” e Chus Iglesias son dous músicos que coa zanfoña e a pandeireta levan anos recreando os papeis de Cego e lazarilla que recorren festas, feiras e mercados cantando historias, romances e coplas por unha esmola.
Fonte: raigame.gal