Felipe Lubián, Helena Pousa e Celso Ferreira, novos xuíces honorarios do Couto Mixto 2024

Felipe Lubián, Helena Pousa e Celso/ Carlos G. Hervella, Jornal Terra e Mar, e Etnoga
A Xunta Directiva da Asociación de Amigos do Couto Mixto, a antiga «república independente» entre Galicia e Portugal, nomeou como xuíces honorarios para este ano 2024 a Felipe Lubián, Helena Pousa e Celso Ferreira.
O próximo sábado, día 6 de xullo, ás 12:00 horas, celebrarase o acto de investidura dos dous novos Xuíces Honorarios e unha Xuiza, na Igrexa de Santiago de Rubiás dos Mixtos (Calvos de Randín); nela outorgaránselles cadansúas réplicas das tres chaves do arcón do Couto Mixto. O acto estará amenizado musicalmente pola cantante María do Ceo.
Posteriormente haberá unha comida no Diestro do Crego, por un prezo de 30€/ persoa. As reservas faránse ata o día 4 de xullo no teléfono 699548159 ou a través do enderezo electrónico cesareocoutomixto@hotmail.com
Despois do xantar, representación da obra de teatro «De Vilatriste a Vilalegre», do Centro Dramático Galego, no Diestro do Crego.
Felipe Lubián
Alcalde do seu municipio natal de Lubián, que aínda pertencendo a Zamora, é galego por xeografía e cultura. A lingua galega está presente na vida cotiá da súa veciñanza e nas actividades municipais.
Defensor do galego na súa comarca nativa, entre outras actividades, Felipe Lubián organizou a asociación cultural «Xente Nova» e é conferenciante habitual sobre o galego estremeiro. Polo seu labor foi nomeado Membro correspondente da Real Academia Galega dende 2004 e tamén recibiu o premio Roberto Vidal Bolaño en 2008.
Helena Pousa Ortega
Veciña de Goián (Tomiño), Helena Pousa licenciose en Filoloxia Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago, e conta cun abondoso currículo de estudos sobre a memoria histórica e cultural da raia miñota. Investigou aspectos relativos ás particularidades lingüísticas da denominada “raia húmida”, nomeadamente no Baixo Miño galego e parte do Alto Minho portugués.
Actualmente colabora no xornal Nós Diario e na revista Nova Ardentia con artigos sobre a «raia húmida», as suas características e as súas similitudes
Celso Ferreira Fernández
Naceu e residiu case toda a súa vida en Vilar (Randín, Calvos de Randín). Ós seus 84 anos de idade, Celso Ferreira é un dos últimos galegos que conservan a memoria da confección artesanal das tradicionais corozas, especie de chuvasqueiros elaborados con xuncos ou palla de centeo, oficio que aprendeu cun tío seu fai case sete décadas.
Para saber máis
GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Xosé, Couto Mixto, unha república rescatada, en «Galeguizar Galicia»