Romaría Etnográfica Raigame 2023. Homenaxe ó oficio dos canteiros
O 17 de maio celebrarase a Romaría Etnográfica Raigame, Festa de interese turístico de Galicia, no burgo medieval de Vilanova dos Infantes. O evento, que pretende promocionar a cultura tradicional galega, no marco xeral da conmemoración do Día das Letras Galegas, está promovido polo Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo (da Deputación Provincial de Ourense). Conta cunha colaboración económica da Axencia de Turismo de Galicia, así como coa inestimable colaboración da parroquia de San Salvador de Vilanova e outras entidades coma o Museo Etnográfico de Ribadavia ou a coral De Ruada e, dun xeito especial coa implicación veciñal, sen a cal sería imposible que Raigame teña chegado a ser a fermosa realidade que é hoxe.
Esta edición será a número 20 da Romaría Etnográfica Raigame, que centra os seus esforzos na divulgación da música, o folclore e os oficios e artesanías tradicionais, primando o seu aspecto pedagóxico e cultural. Este ano terá unha mirada especial ó oficio dos canteiros, sen o cal, evidentemente, non existiría nin a Vilanova dos Infantes que coñecemos, nin o mosteiro de San Rosendo, nin tampouco á singular capela prerrománica de San Miguel (que este ano conmemora o centenario da súa declaración como Monumento Histórico Nacional, agora denominada Ben de Interese Cultural).
Ademáis de máis de 100 postos de artesanía (palilleiros, cesteiros, zapateiros, oleiros, carpinteiros, luthiers,…) e gastronomía (polbo, carne ó caldeiro, churrasco…), durante toda a xornada haberá música, danza, representacións escénicas (monicreques, contacontos e maxia) e exposicións («Os Canteiros» na rúa de Celanova e na Praza da Torre, e «Razas galegas autóctonas» na estrada de Celanova.
Por outra banda, haberá outras actividades:
- ás 11:00 horas, «Cine Carlos Velo», proxección de documentais sobre o oficio dos canteiros, na Praza Maior
- ás 12:00 h., misa cantada pola Coral de Ruada na igrexa de San Salvador
- ás 13:00 h. entrega do Premio honorífico Adolfo Enríquez, na Praza Maior
- ás 13:40 h. Danza do Cristal, interpretada polos tradicionais Danzantes de Vilanova na Praza Maior
- ás 19:00 h. a Banda de Música de Vilanova dos Infantes ofrecerá un concerto de música popular na Praza Tralacerca e no Campo da Escola
Os visitantes á Romaría poden participar coas súas instantáneas no concurso de fotografía Raigame 2023.
Lémbrase tamén que, un ano máis, haberá un servizo continuo de dous autobuses históricos que entre ás 11,00 e as 19,00 horas comunicarán Vilanova dos Infantes con Celanova, co fin de que aquelas persoas que desexen asistir á romaría ou achegarse a Celanova, poidan facelo sen utilizar vehículo propio.
Fonte e máis información: raigame.gal