O Foxo do Lobo do Salas (Requiás, Muíños), patrimonio restaurado
A Xunta investiu uns de 30.000 euros nos sondaxes arqueolóxicos, restauración e posta en valor do Foxo do Lobo do Salas.
Un foxo do lobo “de cabrita”
O foxo de lobo do Salas sitúase no concello ourensán de Muíños, nunha área de gran valor natural, paisaxístico e patrimonial sita no val do río Salas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra de Xurés, en concreto na Veiga de Requiás. Moi preto del atópanse o encoro de Salas, o dolmen prehistórico “Casola do foxo” e ó fondo pódense observar os Picos de Fontefría.
Trátase dun ben etnográfico representativo da paisaxe agraria tradicional das serras do noroeste peninsular, empregado ata mediados do século XX para a caza diste emblemático animal. En Galicia existen unha importante presenza deste tipo de construcións pétreas que teñen a súas orixes xa na Idade Media. Co paso do tempo, axentes naturais e antrópicos incidiron na conservación destas construcións, e así moitas delas chegaron ata hoxe en estado ruinoso ou moi deterioradas, salvando agradables excepcións.
Este foxo do lobo chámase da cabrita, porque no medio colocábase un cebo vivo para atraer ao lobo. A través dunha rampa, o lobo saltaba cara ao interior, dende onde xa non podería escapar porque as paredes estaban coroadas con capeas contraEste foxo do lobo chámase da cabrita, porque no medio colocábase un cebo vivo para atraer ao lobo as que zoupaba o lobo ao saltar. O lobo xa non atacaría á cabrita, achegándose contra unha parede cheo de medo. O que lle agardaba a este depredador era dende pasealo atado e amordazado, a romperlle as pernas e botarllo aos cans, coserlle a boca, atalo no medio da aldea e facerlle un xuízo, mallalo, etc… ata que morría de fame ou de medo.
Traballos arqueolóxicos
Neste sitio etnográfico leváronse a cabo no ano 2021 unha serie de traballos arqueolóxicos promovidos pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia que consistiron na realización dun levantamento topográfico do ben e a realización de 3 sondaxes arqueolóxicas para comprobar o seu sistema construtivo de cara a súa posible posta en valor.
En base aos datos arqueolóxicos rexistrados nesta intervención pódese dicir que o foxo de lobo de Requiás é un foxo de forma oval que presenta un muro pétreo de cachotería irregular que engloba un espazo duns 1.450 m2, cunhas medidas de 51 metros no eixe norte-sur e 41 metros no eixe leste-oeste. Hoxe en día o dito muro perimetral atópase practicamente a nivel de cimentación, conservando un par de fiadas, pero que na súa orixe puido chegar aos 2 metros de altura e coroado por lousas planas, chamadas capeas, que sobresaían cara o interior coa función de impedir a saída do lobo do interior do recinto.
Restauración e posta en valor
Os traballos desenvoltos este mes de setembro consistiron na limpeza da vexetación instalada no foxo do lobo, para que sexan ben visibles as ruínas dos seus muros de cachotería tradicional; así como a roza do seu perímetro, actualmente composto por pequenos restos de madeiras, xestas, cañotos e carqueixas (área de actuación duns 1.500 m2).
Así mesmo, realizouse a consolidación e restauración do mural perimetral do foxo do lobo, baixo control arqueolóxico, en sensación de ruína entre 0,50 e 1 metro de altura e en acabado irregular, complementado cun tramo de 10 metros restaurado integramente coas súas capeas (tramo didáctico).
Tamén se acometeron accións de sinalización e divulgación como a recreación con fins didácticos da escena final no foxo do lobo, coa instalación das figuras dun lobo e unha cabrita en aceiro corten, obra do escultor Toño Monteiro e o ferreiro Breogán, totalmente integrado na paisaxe. Tamén se instalou un tótem indicativo realizado en aceiro corten coa denominación do ben etnográfico, e realizarase unha visita guiada gratuita o 1 de outubro ás 12:00 horas.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu máis de 27.000 euros nos traballos de restauración programados para este ano, que sumados á achega económica do ano anterior rondan os 30.000. O Concello de Muíños contribuiu coa limpeza do interior do recinto do foxo do lobo e no seu contorno.
Agradecemos a información aportada por David Pérez, arqueólogo banduense director dos traballos no Foxo do Lobo do Salas e autor do libro “Os foxos do lobo: a caza do lobo na cultura popular”.
Como chegar
Para saber máis
Foxo do Lobo do Salas (antes da súa restauración), en Galicia Máxica
Foxo do Lobo do Salas (antes da súa restauración), no blog de Xoan Arco da Vella
PÉREZ LÓPEZ, David, “Os foxos do lobo: a caza do lobo na cultura popular”, A Coruña, 2010